O Concello executou obras de mellora no cemiterio municipal de San Froilán por valor de máis de 126.000 euros
O Concello de Lugo executou obras de mellora no cemiterio municipal de San Froilán por valor de máis de 126.000 euros. Así o deu a coñecer a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen subliñou que se procedeu á reparación de raxaduras e deterioro existentes nos tellados de dous módulos de nichos da sección nº27 e dun módulo da sección número 31, cun orzamento de preto de 48.400 euros.
Ademais, levouse a cabo a rehabilitación de cunetas, canos e salva-pasos nos viais interiores, por valor de 19.000 euros, e procedeuse á rexeneración de firme asfáltico de viais interiores do cemiterio, unhas tarefas que contaron cun importe de 58.700 euros.
“O que estamos facendo con estas obras é mellorar a estética dun dos lugares máis importantes dentro do municipio, ao que acode moita xente diariamente, dignificando e mellorando así a imaxe destas instalacións”, subliñou Rielo, quen anunciou que está prevista a compra de maquinaira para modernizar e facilitar o sistema de traballo dos sepultureiros.