Un acto no Cemiterio Municipal celebrou a chegada do mes de maio e homenaxeou ás nais no día da súa lembraza
Acudiron integrantes dos grupo da corporación e o Tenente-Alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira responsable, Cristina López
A edil de Participación deu lectura a un poema, un dúo de corda puxo música ao acto e durante o día as persoas visitantes recibiron agasallos simbólicos desta data
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, xunto co Tenente – Alcalde, Rubén Arroxo e integrantes de todas as forzas políticas que forman parte da corporación celebraron o comenzo do mes de maio no Cemiterio Municipal. Durante o acto Cristina López deu lectura a un poema que quedou plasmado nunha placa xunto á estatua adicada á familia no propio Cemiterio Municipal de San Froilán.
A edil de Participación, coincidindo coa actividade institucional organizada por esta data, afirmou que “o primeiro domingo do mes de maio era un dos días nos que o Cemiterio Municipal recibía máis visitas nos pasados anos, e desde o goberno municipal queremos manter a celebración desta data respectando as restricións indicadas polas autoridades sanitarias”, explicou Cristina López que destacou o “carácter público deste cemiterio que é un dos poucos do estado que manten este carácter”.
O actual Cemiterio Municipal de San Froilán substituíu hai 72 anos ás antigas instalacións de Magoi. Cristina López destacou “a versatilidade do deseño de Eloi Maquieira para realizar actividades como as visitas nocturnas ou as distintas actividades culturais organizadas durante todo o ano, que fixeron que o cemiterio de Lugo fose incluído na Ruta de Cemiterios Históricos Europeos e gañase o recoñecemento de National Geographic como un dos cemiterios máis bonitos do mundo”.