Galardóns

Estes certames son organizados pola revista Adiós Cultural, financiada e editada por Funespaña, teñen como obxectivos a potenciación de actividades culturais en torno aos cemiterios, a posta en valor do patrimonio funerario e a súa divulgación.

O concurso consta de dúas fases: nunha primeira fase as candidaturas presentadas ás distintas modalidades son avaliadas por un comité científico, e os 10 proxectos seleccionados pasan á seguinte fase de votación popular.

O Cemiterio de San Froilán acadou os seguintes galardóns:

CONCURSO DE CEMITERIOS DE ESPAÑA 2015

MELLOR MONUMENTO ARQUITECTÓNICO DE CEMITERIOS DE ESPAÑA

O mausoleo neogótico situado á entrada do cemiterio municipal de San Froilán, unha das construccións máis emblemáticas do recinto, resultou gañador do concurso para elixir o mellor monumento arquitectónico funerario de España, o que contribúe a aumentar o atractivo turístico do municipio.

Tomaron parte unha decena de candidaturas de toda España, dende Barcelona, Bilbao e Madrid a Granada, Valencia ou Zaragoza.

O mausoleo galardoado data da segunda metade do século XIX, sendo construído arredor do 1870 aproximadamente. Pasou a formar parte do patrimonio municipal no ano 2012, mediante unha cesión da familia de Armando Durán Miranda. Presenta características propias da arquitectura historicista cunha marcada tendencia ao estilo neogótico e a súa construcción atribúese a NemesioCobreros, arquitecto lucense que liderou a actividade constructiva da época marcando as liñas das novas tendencias arquitectónicas.

Como características relevantes desta construcción destacan o arco oxival da fachada principal decorado con rosetas (recurso artístico de orixe romana,  osteriormente recuperado no Renacemento e no Barroco) e enmarcado con pilastras coronadas por capiteles que imitan a decoración propia do estilo corintio. Os vans laterais aparecen encadrados nun arco oxival subdividido por pilastras con  capiteis de inspiración corintia que sosteñen un óculo adoviado con motivos de flor de lis.

CONCURSO DE CEMITERIOS DE ESPAÑA 2017

MELLOR ACTIVIDAD DE PORTAS ABERTAS DE CEMITERIOS DE ESPAÑA

O Cemiterio de San Froilán resultou novamente galardonado no Concurso de Cemiterios de España 2017. Nesta ocasión as actividades que se realizan no noso cemiterio foron consideradas mediante votación popular como as mellores de todo o Estado.

Este é un novo hito no que se recoñeceu o traballo na promoción e difusión do patrimonio funerario do noso Cemiterio xa incluído na Ruta de Cemiterios españois e na Ruta de Cemiterios históricos de Europa.