Continúan as actividades no Cemiterio Municipal pola festividade de Santos “para mostrar a súa cara máis cálida e emocional”
O mércores 20, nenos e nenas de Malala Teatro e da Escola Palimoco de Teatro interpretarán Don Juanín. O ciclo de visitas “E logo ti... Quen vés sendo?” continúa este domingo ás 19 horas
A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, lembrou que o Cemiterio Municipal continúa a ter actividades pola festividade de Santos. Mentres que no día de hoxe remata o prazo para presentarse ao VI concurso de fotografía “Estampas de Paz e Acougo”, o Cemiterio prepárase xa para, este mércores 20, acoller a lectura de Don Juanín dramatizada por nenos e nenas de Malala Teatro e da Escola Palimoco de Teatro. A actividade comezará ás 19:30, e ten un aforo limitado a 100 persoas, que deberán retirar a entrada na Oficina de Turismo.
O día 24, a visita teatralizada ao cemiterio “E logo ti... Quen vés sendo?”, que comezará ás 19 horas e estará limitada a 50 prazas. “E logo ti... Quen vés sendo?” é unha actividade teatral cuxo guión e interpretación corren a cargo de Achádego Teatro, grupo de teatro da cidade cunha importante traxectoria, a través da cal se poderán realizar unha serie de visitas ao recinto onde os diferentes persoeiros representados en cada unha delas contarán aspectos relevantes das súas vidas, axudando tamén a situalos no tempo e na vida social e rememorando a historia da cidade.
Cristina López indicou que estas actividades “se enmarcan no proxecto de difusión cultural do cemiterio, coa que se pretende mostrar a súa cara máis cálida e emocional, e tamén poñer en valor o patrimonio funerario”, e lembrou que se pode solicitar máis información no 010.
Audio
- A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, sobre as actividades do Cemiterio | Descargar mp3